España perde 1-5 ante Holanda.
O rei Juan Carlos I abdica.
A crise dispara a pobreza no sureste e nas illas.
A todos nos soan estes titulares. Cada vez que abrimos os nosos xornais, prendemos os nosos televisores ou escoitamos a radio, atopamos cousas coma estas. E vaia, non é para menos: temos que estar informados. Pero, que hai do cambio climático? Ninguén fala diso. Estamos sumerxidos nun mundo ao que non lle importa o seu medio ambiente, no que se valora máis o fútbol que os recursos naturais. Todos sabemos que o rei abdicou e que a crise aumenta, pero poucos coñecemos o cambio climático. E quizais, cando nos queiramos dar de conta, sexa demasiado tarde.
Entendemos por cambio climático a variación global do clima da Terra, é dicir, os distintos cambios que vai sufrindo este. Aínda así, temos que ter en conta que o clima do noso planeta nunca foi estático, sempre tivo períodos de variacións. ¡Incluso atopamos na súa historia perídos glaciares! Sen embargo, esta vez é diferente: os cambios son moito máis drásticos, prodúcense a unha velocidade maior e vense acentuados polo home. Por exemplo, no caso do quecemento global. Este fenómeno, derivado dun aumento das temperaturas, vese acentuado polo home: emitimos unha grande cantidade de CO2 mediante as fábricas e coches que fomenta o efecto invernadoiro e provoca enormes subidas de temperatura. Esta non é a única evidencia do cambio climático: tamén sabemos que está cambiando a vexetación e, con ela, estanse extinguindo e entrando en perigo moitas especies da fauna e flora, coma é por exemplo o caso das bolboretas. En canto á auga, coa que hoxe tentaremos relacionar o fenómeno do cambio climático, tamén hai cambios, especialmente nas mareas e nos glaciares. Primeiramente, estanse a dar cambios no ciclo das mareas pero, sobre todo, está subindo constantemente o nivel do mar, que causaría a desaparición de moitas praias galegas coma a de Vilagarcía ou Silgar (Sanxenxo).