¿Queres reservar unhas vacacións na Costa do Pacífico?
Dende sempre, as costas pacíficas son o destino preferido para pasar unhas vacacións na praia xa que son consideradas como unhas das mellores do mundo, pero, que segredo gardan? Podemos en realidade chamalo “pacífico”?
O Pacífico, a parte de ter unhas estupendas praias, ten unha gran actividade volcánica, xa que está percorrido por un vasto sistema de dorsais. Este conxunto de dorsais forma o chamado Cinto de Lume do Pacífico, que é unha zona do planeta caracterizada por concentrar algunhas das zonas de subdución máis importantes do mundo, o que ocasiona unha intensa actividade sísmica e volcánica. Esténdese ao longo de 40.000 km, conta con 452 volcáns, entre eles algúns dos máis activos do planeta.
A subdución de placas é o proceso de fundimento dunha placa litosférica baixo outra nun límite converxente. Como consecuencia, nas dorsais, a corteza oceánica expándese e crece, e xa que a Terra non aumenta de volume, será porque noutro lugar se destrúe ao mesmo tempo. Nas costas deste océano, como resultado deste proceso, afunden as depresións máis grandes do planeta situándose paralelas á costa (as de Chile, Perú, Filipinas, Marianas, Tonga, Indonesia…) que reciben o nome de Fosas Oceánicas.
A subdución tamén é a causante do gran número de terremotos que se producen en dito océano, pois a fricción das placas fai que se acumule tensión, e cando se libera, prodúcense os movementos sísmicos. Tamén provoca a fusión dunha parte do manto terrestre (formando magma) causando moita actividade volcánica.
Aínda que todos estes fenómenos son característicos do Cinto de Lume, tamén se dan noutras zonas do planeta como as costas do Mar Mediterráneo, Antillas e a costa índica de Indonesia.