A medicina rexenerativa, tamén coñecida como enxeñaría de tecidos ou terapia celular é a rama da biomedicina que utiliza células nai, enxeñaría de materiais, bioquímica e fisicoquímica para intentar reparar os tecidos do corpo. Unha aplicación en desenvolvemento é a de producir órganos no laboratorio, que logo podan ser transplantados sen risco ó paciente. Un xeito prometedor de “cultivar” órganos no laboratorio, é a partir das células do propio individuo! Lembremos que aínda que un órgano estea lesionado, se non se trata dunha enfermidade xenética, a información para crealo segue estando no material xenético das células da persoa. Se tiveramos éxito con este método, obteríamos un órgano igual ó orixinal, completamente compatible, que deixaría na sombra incluso ás técnicas modernas de transplante, e evitaría as mortes que hoxe ocorren por falta de doantes.
Sen embargo, xerar un novo órgano a partir dunha célula adulta é imposible. Para facer un órgano precisamos células con gran capacidade de división e especialización: células nai. O proceso que está en investigación é o de reverter o “reloxo biolóxico” das células adultas e transformalas en células nai denominadas CPIs (Células Pluripotenciais Inducidas). Estas son capaces de xerar a maioría de tecidos, pero a diferenza das células nai embrionarias (as “orixinais”, que nos formaban a nós durante o embarazo) estas veñen derivadas artificialmente de células que inicialmente non eran pluripotenciais. As primeiras células CPI obtivéronse en 2006 e en 2007 en humanos. Os primeiros métodos para converter as células adultas en células CPI resultaron ter moitos problemas, como o aumento de probabilidade de indución de tumores, polo que agora estanse a estudar métodos alternativos. As súas principais aplicacións están na investigación, especialmente no campo da medicina rexenerativa.
O desenrolo de órganos artificiais cultivados no laboratorio para substituír aqueles que non funcionan ou non existen, é aínda un proceso experimental e complexo. A fabricación destes órganos adoita utilizar por un lado soportes elaborados a partir de plásticos, e por outro, células vivas para repoboar esa estrutura. O campo é moi novo, pois estes plásticos biocompatibles nin sequera se coñecían ata os 60, e as CPi datan apenas do ano 2006. Malia o curto tempo, na actualidade xa se poden facer moitos órganos de animais. Como Anthony Atala, que logrou desenvolver vexigas e uretras humanas! O Paolo Macchiarini, que conseguiuno cunha traquea. En animais, onde se avanzou máis, podéronse crear corazóns artificiais, pulmóns e dentes. Estes vertixinosos avances dos últimos anos débense á colaboración de disciplinas e tecnoloxías como as impresoras 3D, que xa se adaptaron á medicina rexenerativa dando lugar a prototipos de “impresoras de tecidos” que constrúen capa a capa enxertos de pel, cartilaxe, etc.
Quen sabe ata onde poda chegar esta rama médica! A pesar das consideracións éticas que poden xurdir o uso de células nai, quizais se avanzamos con cautela neste saber poidamos, algún día, deixar no pasado a escaseza de órganos, e incluso axudar a corrixir para sempre enfermidades coma o párkinson, o alzhéimer, a diabetes ou a leucemia.