A cabalaría do corpo humano

É incrible pensar que hai só 140 anos non tiñamos nin idea de por que enfermabamos. Algúns pensaban que eran os malos aires, outros botábanlle a culpa á xustiza divina. Pero foi Robert Koch o que identificou por primeira vez ós verdadeiros causantes das nosas doenzas. Son os microorganismos; unha idea disparatada para a súa época, pero que hoxe consideramos cultura xeral. Isto permitiu á Medicina percorrer o longo camiño ata chegar a hoxe, e entender cómo o noso organismo se defende destes intrusos.

O proceso é realmente interesante:

1. En primeiro lugar, unhas células do sistema inmunitario chamadas macrófagos “devoran” ó invasor (chamado patóxeno) nun proceso que se chama fagocitose

2. O macrófago ensina na súa superficie o antíxeno, o cal é unha molécula que identifica ó patóxeno. Estes antíxenos son identificados polos linfocitos T cooperadores, que continúan a reacción en cadea.

3. Os linfocitos T cooperadores activan dous tipos de respostas inmunolóxicas:

 

– Celular: Actívanse os linfocitos T citotóxicos, que en caso de que o patóxeno sexa un virus, destrúen as células infectadas para evitar a súa propagacion.

-Humoral: Actívanse os linfocitos B. Algúns deles diferéncianse en células plasmáticas, que empezan producir anticorpos, é dicir, moléculas que marcan ou anulan o patóxeno. Outros, transfórmanse en linfocitos B de memoria, que permanecen no sangue ata meses ou anos despois da infección. Estes son os responsables de que quedemos inmunizados contra a enfirmidade, pois se nos volve a infectar o mesmo patóxeno, o recoñecerán inmediatamente e a reposta será moito máis rápida e efectiva.

Comparación das respostas humorais na primeira e segunda infección

Estes coñecementos son unha pedra angular que permitiron á ciencia salvar moitas vidas, e ábrennos os ollos ás pequenas marabillas que ocorren no noso complexo organismo, e nos permiten estar vivos.


Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta