Expediente Alien: Chegou a vida dende o espazo?

Actualmente, existen numerosas teorías que tentan explicar a orixe da vida tal e como a coñecemos. Todas elas, respaldadas por diversas evidencias, poden ser factibles. Con todo, a tese panspérmica destaca notablemente entre as máis discutidas, pois sustenta a idea da chegada da vida dende o espazo ao noso planeta. En que se fundamenta?

Científicos de todo o mundo corroboran a cuestionada aparición dos primeiros organismos fóra das fronteiras terrestres, a partir dunha serie de teses presentadas xa dende a Grecia clásica. Nos últimos séculos, o progresivo avance tecnolóxico tivo un papel vital.

Investigadores estadounidenses aseguran que a Terra e Marte eran na antigüidade máis parecidas do que son agora, polo que ambos corpos celestes eran bos candidatos á aparición da vida neles. Desta maneira, meteoritos que impactaran sobre un Marte animado poderían arrastrar ao espazo  fragmentos da súa superficie que posteriormente aterrizarían na terra.

Un exemplo disto sería o coñecido caso do meteorito ALH84001, destacado entre as máis de cincuenta estruturas do planeta vermello atopadas ata o 2008. Descuberto na Antártida, portaba rastros de organismos microscópicos semellantes a bacterias capaces de soportar condicións tan extremas como a entrada ao noso planeta a través da atmosfera. Así, este meteorito apoiaría a orixe marciana das formas de vida máis sinxelas que posteriormente darían lugar ás especies actuais.

Con todo, a Panspermia non limita necesariamente a chegada da vida ó noso planeta dende Marte. Está documentada tamén a chegada doutros corpos extraterrestres como o meteorito Murchison, achado en Australia no ano 1969, que contiña unha diversidade de aminoácidos moi comúns na Terra o estudo dos cales revelou que foran orixinados fóra das nosas fronteiras.


Esta entrada foi publicada en Materia CCMCO, Universo e etiquetada , . Garda o enlace permanente.