Fontes enerxéticas renovables vs crise económica

A actual crise económica pola que estamos pasando a nivel mundial, fai que os custes derivados da produción de enerxía, un dos máis altos en calquera país, se vexan moi controlados e restrinxidos. Os países buscan abaratar custes na produción, sen mirar a procedencia desta enerxía.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou 2012 como o Ano Internacional da Enerxía Sustentable, como forma de Compromiso contra o Cambio Climático e o deterioro ambiental do planeta. Asemade como nos indica Fernando Blanco Silva, responsable da Unidade de Enerxía e Sustentabilidade da USC (Universidade de Santiago de Compostela) no número 66 da revista “cerna”, o goberno español ven de aprobar o Plan de Acción Nacional de las Energías Renovables (PANER) 2011-2020, que prevé que a porcentaxe de enerxía de orixe renovable na enerxía primaria pase do 10,7% de 2010, ata o 17,8% en 2020. Este desenvolvemento debe centrarse na produción de electricidade (eólica, fotovoltaica, hidroeléctrica e biomasa) e, en menor medida, no aproveitamento térmico (solar térmica, xeotérmica e biomasa).

Fontes de enerxía renovables

Mais con todo isto o mercado enerxético en España non é vinculante, móvese nun mercado liberalizado. E, ademais a evolución das fontes renovables nos vindeiros anos non é nada segura, hai variables que poden frear o seu desenvolvemento:

O prezo da enerxía: O prezo da produción dun kWh de orixe renovable é superior ao de fontes tradicionais (gas natural, derivados do petróleo, carbón ou nuclear) ao non incluír o deterioro ambiental. Esta carestía débese compensar cunha cantidade a maiores denominada “prima”. Outro problema é o “Déficit Tarifario”, (diferenza entre os custes e os ingresos das actividades que aínda non están completamente liberalizadas). Ambos casos fan que a un goberno como o español se lle reivindique desde a Asociación de Enerxías Renovables que sexan os Presupostos Xerais do Estado os que paguen as primas, e así impedir que o Déficit Tarifario free o avance destas fontes no futuro.

Fonte de enerxía non renovable. Central térmica

Cambios de goberno: O anterior goberno do estado estivo apostando polo aumento da produción de enerxías renovables, e incluso formulou o peche progresivo das centrais nucleares. O goberno actual xa non amosa o seu interese en pechar as centrais nucleares, e co telón de fondo da crise económica, sinala políticas de recorte das primas á produción das enerxías renovables.

Pozo petrolífero no mar

Cumio de Durban: No Protocolo de Quioto de 1997 asinouse un compromiso para recortar as Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro para o período 2008-2012, sendo as fontes renovables a alternativa máis válida. En 2011 convocouse o Cumio de Durban para seguir nesa liña, e aquí os países máis contaminantes (EEUU, China, India, …) non acordaron recortar as emisións. Dando pé a outros países a seguir camiños non centrados no recorte das emisións contaminantes na produción enerxética.

Cos datos aportados cabe facernos a pregunta: A crise económica impedirá o avance na produción de enerxía de fontes renovables?

Esta entrada foi publicada en Enerxía. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta