No nº 420 da revista “Investigación y Ciencia” na súa versión en español publicada no pasado mes de setembro de 2011, o investigador Lee R. Kump da Universidade estatal de Pensilvania e especialista en quecementos globais, fai unha análise comparativa de quecementos globais do planeta na actualidade e outros quecementos que tiveron lugar en épocas pasadas da historia da Terra, sobre todo o acontecido no Paleoceno hai arredor de 56 millóns de anos e que se considera, de momento, o último gran quecemento global.
Como apunta este autor, os quecementos globais non son nada novo na historia da Terra, a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera foi algo usual e tivo momentos de gran aporte en épocas sinaladas desta historia. Agora ben, as consecuencias para os seres vivos que poboaron ou estamos poboando o planeta motivadas dos quecementos globais están directamente relacionadas coa rapidez coa que se desenvolva este quecemento, e estas consecuencias son máis dramáticas canto máis rápido sexa.
Facendo unha análise comparativa do quecemento actual cos dous últimos grandes quecementos na historia da Terra, quecemento do período Cretácico (iniciado hai arredor de 120 millóns de anos) e quecemento do Paleoceno (iniciado hai arredor de 56 millóns de anos), indica Lee R. Kump que o ritmo do quecemento actual é moito máis rápido que nos casos anteriores, sobre todo do producido no Cretácico.
O quecemento global do período Cretácico foi moi lento e durou aproximadamente uns 30 millóns de anos, a causa principal foron as erupcións volcánicas e chegouse a un aumento duns 5ºC de temperatura na Terra a nivel global (cunha taxa de quecemento de 0,000025 ºC por século), mais con todo isto os cambios producidos a nivel ambiental foron mínimos ao darlle tempo aos océanos a absorber o dióxido de carbono da atmosfera, e os seres vivos a posibilidade de adaptación ou a migración.
No quecemento do Paleoceno o ritmo ao que aumentou a temperatura, aínda sendo maior ca no Cretácico, non se pode considerar rápido, como moito moderado e durou uns cantos miles de anos, sendo a causa principal as erupcións volcánicas, desprendemento de metano dos fondos oceánicos e os incendios de turba e carbón, producindo un aumento de arredor de 5ºC de temperatura na Terra a nivel global (cunha taxa de quecemento de 0,025ºC por século), que orixinou grandes cambios ambientais por acidificación dos fondos oceánicos e nos seres vivos por extincións de organismos que vivían nestes fondos, aínda que a maioría dos seres vivos terrestres adaptáronse ou migraron.
Na actualidade os estudos da recollida de datos do aumento de temperatura a nivel global amosan que o quecemento actual é moi rápido, moito máis que no Paleoceno, e que de seguir así poderá chegar a un aumento duns 10ºC de temperatura da Terra a nivel global (cunha taxa de quecemento de arredor de 4ºC por século), onde a causa principal é a queima de combustibles fósiles e que traerán grandes cambios ambientais coa acidificación dos océanos, fenómenos meteorolóxicos extremos (grandes secas e inundacións), desxeo glaciar e elevación do nivel do mar, o que traerá non menos graves cambios a nivel dos seres vivos con migracións de numerosas especies cara ás zonas polares, perdida de hábitats, extinción de especies e branqueo do coral.
Fronte a estas dramáticas consecuencias o autor, aínda sen ter posibilidade de cambiar o rumbo do actual quecemento global, dá como forma de frear o ritmo de quecemento e mitigar as consecuencias a actuación inmediata a nivel mundial para reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera e poder seguir dicindo que o quecemento do Paleoceno continua a ser o último gran quecemento global e non o actual.
Temos que facer algo para poder loitar contra o cambio climático senón esto non vai ter moito futuro porque cada vez esto vai a peor.
Pois medo me dá, se está subindo a temperatura tan rápido as consecuencias vanse notar moi pronto.